Aviso de privacidade sobre a recompilación de audio das funcións para nenos do Asistente de Google
Queremos axudarlles aos pais a comprender como recompilamos información de voz e audio cando os usuarios interactúan coas funcións para nenos (por exemplo, o Asistente de Accións para familias ou os vídeos de YouTube Kids) a través do Asistente de Google. Ademais dos usos indicados na Política de privacidade de Google, este Aviso de privacidade aplícase á utilización destas funcións co Asistente de Google.
As nenas e os nenos que non alcancen a idade correspondente no seu país e cuxa nai ou pai crease a súa Conta de Google con Family Link poden vincular as súas contas á maioría dos dispositivos compatibles co Asistente de Google. Coa opción Incluír gravacións de audio, situada en Actividade web e das aplicacións, podes controlar se se almacenan as gravacións de voz e audio na túa Conta de Google cando utilizas a voz para interactuar co Asistente. Esta opción está desactivada de forma predeterminada cando se crea unha conta de Google e non é necesaria para usar o Asistente. Se o teu fillo ou filla ten marcada esta opción e fala co Asistente utilizando un dispositivo no que teña a sesión iniciada, pódese almacenar na súa conta unha gravación da súa interacción e dos segundos previos.
Se creaches unha nova Conta de Google para a túa filla ou fillo con Family Link, podes iniciar sesión nela e acceder ás súas gravacións de audio, modificalas, quitalas e exportalas. Se non lembras o seu contrasinal, podes restablecelo a través da aplicación Family Link ou accedendo á configuración de Family Link na Web. En canto inicies sesión, podes utilizar os distintos controis descritos na Política de privacidade de Google (por exemplo, os controis de actividade de Google) para xestionar as gravacións de audio do teu fillo ou filla almacenadas na súa conta e a configuración destas, o que inclúe eliminar calquera actividade almacenada na conta.
Se creaches a conta do teu fillo ou filla antes de que cambiase a idade mínima aplicable no teu país e posteriormente lle deches permiso para que a conservase, podes necesitar o seu permiso para restablecer o seu contrasinal ou iniciar sesión na súa conta.
Se interactúas con funcións para nenos (por exemplo, o Asistente de Accións para familias ou os vídeos de YouTube Kids) a través do Asistente de Google sen unha Conta de Google xestionada a través de Family Link que teña activada a opción de incluír as gravacións de audio, só recompilaremos brevemente gravacións de voz e audio desas interaccións. Esta información procésase para poder usar a función de audio e permitir a interacción, e eliminámola de inmediato.
Última modificación: 2 de setembro de 2021